domingo, 12 de xaneiro de 2014

Unha muller e os seus fillos pequenos, na rúa por falta de vivenda

Stop Desafiuzamentos Ourense alerta de que na nosa provincia é arestora cando se están a notar as consecuencias máis crueis desta estafa, que non crise.

Ata a plataforma chegaron no 2013 unha trintena de persoas con problemas de vivenda (lembramos, un dereito que recolle a Constitución Española no artigo 47). Procesos xudiciais a piques de abrirse ou xa en trámite por impago de hipotecas que nalgúns casos remataron, tras conversas coas entidades bancarias e coa colaboración do Colexio de Avogados da cidade, en dacións en pago. Iso si, quedaron sen a vivenda. Piso ou casa que mercaron e na que gastaron aforros e salarios. O problema é cando non existe un colchón familiar, avoas, avós, nais e pais que coas súas pensións poden turrar dun membro ou de toda unha familia.

É o caso dunha muller (que prefire gardar o anonimato) de 30 anos que con dous fillos, de 3 e 7 anos, non ten vivenda. Ela non perdeu, non lle embargaron un piso hipotecado, a realidade é outra pero moi semellante ao que están a padecer outras persoas que acoden a nós como última esperanza. As familias antes de clase media, coa perda de traballo ou co peche das súas empresas e unha vez agotada a prestación de desemprego, quedan sen renda algunha. Rematados os recursos non poden nin pagar un alugueiro, un teito baixo o que vivir. Situacións dramáticas que deixan, neste caso, menores na rúa.
Dende onte esta moza está acollida xunto cos seus cativos por integrantes de STOP DESAHUCIOS OURENSE.

Apelamos á intervención urxente das Administracións, Concello de Ourense e Xunta de Galicia. Son os servizos sociais, municipais e autonómicos, os que deben atender estes casos de extrema necesidade.

Stop Desafiuzamentos Ourense ten feito, ate o de agora, labores de asesoramento, acompañamento e denuncia pero non é o seu cometido dar teito a quen non o ten, tampouco dispomos dos medios necesarios. 

Damos conta desta realidade silenciada para que, quen si ten competencias, tome medidas e garanta unha vivenda digna para todas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario