O
Movemento Galego pola Vivenda Pública convoca unha CONCENTRACIÓN diante do Instituto Galego
de Vivenda e Solo - IGVS (Área Central, Fontiñas - Santiago de
Compostela) o próximo xoves 17 DE FEBREIRO as 12.00H, baixo o lema:
"POR
UN PARQUE DE VIVENDA PÚBLICO, NON A ESPECULACIÓN".
O
Movemento Galego pola Vivenda Pública formada por persoas de distintos
colectivos sociais convoca unha CONCENTRACIÓN diante do Instituto Galego
de Vivenda e Solo - IGVS (Área Central, Fontiñas - Santiago de
Compostela) o próximo xoves 17 DE FEBREIRO as 12.00H, baixo o lema: "POR
UN PARQUE DE VIVENDA PÚBLICO, NON A ESPECULACIÓN".
“Para
satisfacer só a demanda rexistrada oficialmente de vivenda de
protección en Galiza ao ritmo actual coas políticas do goberno galego
precisaríanse 200 anos”
A suba sistemática do prezo dos alugueiros situándose Galiza por riba da media nacional con un incremento dun 25 por cento nos últimos cinco anos, converteuse nun problema para miles de galegas/os e segundo as asociación de loita contra a pobreza, o principal factor de exclusión social.
A resposta da Xunta de Galicia a esta situación de desamparo é menos investimento, menos execución dos orzamentos e a conxelación da oferta de vivendas de protección oficial e a inexistencia de un parque de vivendas público que dea resposta ao que é un drama para miles de persoas.
As cifras de demanda de vivenda de protección e pública demostran que hai moita xente que non chega a poder pagar unha vivenda no mercado libre e está a pedir que as administracións públicas fagan o seu traballo.
Para cuantificar esta demanda creouse o Rexistro Oficial de demandantes que indica que hai case 15.000 persoas que reclaman unha vivenda de protección, 11.211 delas queren que sexa pública e preferentemente de alugueiro, pero o goberno de Feijoo desoe completamente estas demandas.
A media de vivendas de protección iniciadas nos últimos 7 anos, cando máis se incrementou a demanda é de só 74 anuais o que quere dicir que para satisfacer só a demanda actualmente rexistrada a este ritmo precisaríanse 200 anos.
E si falamos de vivenda pública o actual parque de 3.700 vivendas é a todas luces insuficiente si temos en conta as 11.211 persoas que demandan oficialmente unha vivenda pública, e moito máis si queremos que esa vivenda pública actúe como refrixerador do mercado posibilitando frear a escalada brutal que se da nos últimos anos.
A vivenda pública é a resposta necesaria para esas persoas que precisan dunhas condicións alcanzables para poder gozar dun fogar e para regular os prezos dun mercado no que non deixan de subir.
A inexistencia de políticas que defendan o dereito a unha vivenda digna tradúcense na Galiza en 299.000 vivendas baleiras, desafiuzamentos, incremento dos beneficios derivados da especulación dos grandes propietarios, banca e fondos voitre, máis parte do salario dedicado a pagar os gastos da vivenda mentres se reducen noutras necesidades básicas ou un problema grave para a emancipación da xente moza.
Tampouco desde os diferentes gobernos do Estado deron solución o problema da vivenda. O proxecto de lei vivenda do goberno español non garante ese dereito porque non se atreve a frear os privilexios dos que especulan coa vivenda.
Non frea os desafiuzamentos sen solución residencial si se incumpren os prazos das distintas prorrogas e non adopta solucións valentes de expropiación para mobilizar as decenas de miles de casas baleiras en mans da banca e de fondos voitre rescatadas con diñeiro público.Tampouco aposta pola utilización das vivendas da SAREB, para vivenda pública de alugueiro, a pesar de que todas e todos acabamos de asumir a débeda xerada polos bancos.
O Movemento Galego pola Vivenda Pública chama a maioría social galega a involucrarse na loita por este dereito fundamental, Unha loita que leve entre outras medidas a posta en marcha de normativas e orzamento necesario para a dotación dun parque de vivenda pública de alugueiro social suficiente para protexer os sectores mais vulnerables ademais de para exercer un papel regulador imprescindible no mercado libre.
Con este obxectivo facemos un chamamento a acudir á concentración diante do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), en Santiago de Compostela, para reclamar os nosos dereitos como cidadáns e cidadás a gozar dunha vivenda digna.