CHAMADA A MOBILIZACIÓN ISTE SÁBADO DÍA 3 ÁS
12:00 DA MAÑÁ NA SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO. Polo dereito efectivo a
unha vivenda digna e a subministros básicos garantidos. En apoio da
Lei de vivenda da PAH. COORDENADORA GALEGA dos colectivos PAH e
STOP-DESAFIUZAMENTOS.
Hai moitos anos que os movementos veciñais de
barrio e plataformas polo dereito a unha vivenda digna, activaron sen
cesar como movemento social, mais desde hai nove anos o movemento
anti-desafiuzamentos conformou unha plataforma que ía dar moito que
falar, pola súa organización, acción social e denuncia dos abusos
bancarios, mais sobre todo pola constancia na concienciación da
necesidade do cambio lexislativo, para garantir o dereito efectivo e
real a unha vivenda digna.
Na Galiza, autonomamente foron-se constituíndo
plataformas e colectivos, pola necesidade aprémante da defensa da
vivenda e contra os abusos bancarios. Logo constituímos unha Coordenación
Galega, sen perder a autonomía de cada colectivo e plataforma local.
Nove anos pasaron desde que naceu a PAH. Nove anos
loitando para facer real o dereito á vivenda. Nove anos nos que
paramos miles de desafiuzamentos e reacollido centos de familias.
Nove anos nos que cambiamos leis e presentando mocións en concellos
e comunidades autónomas. Nove anos cheos de trabas por parte do
Partido Popular para que ese dereito á vivenda non sexa efectivo.
Dous millóns e medio de vivendas baleiras en todo
o estado, 300.000 delas en territorio galego, 66.000 millóns de
euros en rescatar a Banca que sigue especulando coa vivenda sen
ofrecer ningunha contraprestación social. Políticos corruptos
devorando recursos públicos. 60.000 desafiuzamentos no pasado ano
2017.
O Comité DESC (Dereitos Económicos, Sociais e
Culturais) de Nacións Unidas, condenou a España por vulnerar o
dereito á vivenda no caso dunha familia con fillos menores de idade,
de 1 e 3 anos deixándoos na rúa durmindo nun coche durante 6
semanas.
O Estado Español tiña que presentar, no prazo
de seis meses desde que o Comité DESC emitiu o seu ditame en xullo
de 2017, unha resposta por escrito que incluíse información sobre
as medidas tomadas tras o ditame e as recomendacións do Comité pero
desatendeu completamente as recomendacións diste Comité en materia
de vivenda e tampouco ofrece unha soa medida concreta para cumprir o
ditame.
Para a PAH os Colectivos Stop-desafiuzamentos e
outras organizacións que defenden o dereito a unha vivenda digna
faise imprescindible:
• Un incremento orzamentario orientado a
aumentar o parque de vivendas sociais de aluguer co fin de garantir o
acceso e o reacollo de persoas sen recursos. Este incremento debe
reverter o feito de que durante a crise económica e cando centos de
miles de persoas perderon as súas vivendas, o Goberno reduciu desde
2009 o orzamento de vivenda en máis dun 70%.
• Reformas das leis procesuais, incluída a Lei
de Enxuizamento Civil, para incrementar as garantías de protección
do dereito á vivenda incluíndo o xuízo de proporcionalidade que
obrigue aos xuíces para avaliar caso por caso a proporcionalidade e
razoabilidade dos desafiuzamentos de vivendas que a xurisprudencia do
Tribunal Europeo de Dereitos Humanos xa esixe.
• A adopción de protocolos que melloren a
coordinación entre xulgados e servizos sociais orientados a garantir
ás persoas sen recursos un aloxamento adecuado alternativo.
• A reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos para
reforzar os dereitos das persoas arrendatarias e protexer a súa
seguridade á tenencia da vivenda.
Varias sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión
Europea (TXUE) dan a razón a PAH que aseguramos dende o ano 1995
todos os despexos son ilegais por incumprimento da normativa 93/13 de
protección consumidor e a propia constitución que no seu articulo
10.2 obriga a cumprir os tratados asinados polo Estado Español e que
garante o dereito a unha vivenda digna no articulo 47.
O Estado Español atópase nunha crise do dereito
á vivenda que está a afectar por centos de miles de persoas. España
estrea así, paradoxalmente, na membresía do Consello de Dereitos
Humanos para o período 2018-20, ignorando a súa obrigación de
responder de maneira adecuada ao Comité
Pouco mellorou a situación estes nove anos, pola
contra enfrontámonos a unha nova burbulla inmobiliaria, nos
alugueres, propiciada polas políticas do PP coa creación das SOCIMI
(Sociedades Anónimas Cotizadas de Inversión Inmobiliaria) creadas
no ano 2014 con unhas condicións fiscais inmellorables para
favorecer a entrada de fondos de inversión no mercado do aluguer
para apropiarse do rentismo.
E por todo este abuso do Partido popular que
decidimos resistir e rexistramos no Congreso unha lei de todas, a
Lei de Vivenda PAH. Unha lei para que as familias non estean
indefensas, unha lei con cinco demandas básicas:
· DACIÓN EN PAGO RETROACTIVA
· ALUGUER ALCANZABLE E ESTABLE
· STOP DESAFIUZAMENTOS
· VIVENDA SOCIAL
· SUBMINISTRACIÓNS GARANTIDAS (Luz, auga e gas)
Unha vez rexistrada esta Lei de Vivenda PAH no
Congreso, o Partido Popular, apoiado por Ciudadanos, pretende vetar a
Lei, é por iso polo que nos estamos mobilizando e o vindeiro
sábado 3 de marzo, haberá unha grande Manifestación Estatal en
Madrid. Na Galiza a Coordenación Galega de PAH e Colectivos Stop
Desafiuzamentos e polo Dereito a Unha Vivenda Digna e Accesíbel,
mobilizamos en todas as cidades galegas, en apoio a esa Lei
Estatal e cinguimos forzas para que o Partido Popular non a vete e
volva, de novo, a tombar as ilusións e o dereito a teito de miles de
familias. É hora de dicir-lle ao Partido Popular que xa BASTA,
por iso convidamos-vos a todas o próximo 3 de marzo a
mobilizar-vos uns na Galiza nas diferentes cidades e quen poida á
GRAN MANIFESTACIÓN que está convocada en Madrid.
Difunde a convocatoria, polos teus contactos, grupos de whatsApp, redes sociais...
¡Esperámosche o 3 de marzo!
Pode-se!