luns, 30 de setembro de 2013

Xuntanza plataformas galegas STOP-PAH o Sábado 28/09

O pasado Sábado 28 de Setembro achegáronse a Compostela dúas persoas colaboradoras da plataforma Stop Desafiuzamentos Ourense, para asistir a unha xuntanza de todas as plataformas galegas de STOP-PAH, para a posta en común do traballao realizado e o analise dun futuro inmediato.

A continuación os deixamos a acta de dita reunión, remitida polas compañeiras de Ferrol:

 
A finais do mes de Xullo, tiña lugar en Vigo, unha xuntanza de coordinación das PAHs e Stops galegas, co obxectivo da posta en común das loitas locais contra os lanzamentos e despexos das vivendas habituais; compartir información e coñecementos; coordinar as mobilizacións; e entre outras cousas, desenvolver relacións solidarias e de apoio mutuo. Un dos temas tratados foi a promoción dunha ILP Galega para a súa tramitación e aprobación polo Parlamento de Galicia.

As razóns nas que se fundamentaba a elaboración da proposición de Lei, en forma de iniciativa lexislativa popular -ILP, serían, en primeiro lugar, a de contribuír a garantir en Galiza o dereito a dunha vivenda digna e adecuada; en segundo lugar, a de fomentar a accesibilidade universal a unha vivenda e implantar as medidas que permitan encher de contido ese dereito, e en terceiro e último lugar, ademais da paralización de todos os desafiuzamentos e lanzamentos de vivenda habitual, a proposición Lei pretendería abordar diversos aspectos do seu réxime legal, e tamén medidas para favorecer a aplicación efectiva da dación en pagamento e o impulso dunha Lei galega de Vivenda que favoreza o uso das vivendas baleiras e deshabitadas.

Ademais pensa-se que os poderes públicos galegos deberían subordinar calquera actuación en materia de vivenda aos seguintes criterios:
  • Permitir o goce pola cidadanía galega dunha vivenda digna, adecuada e accesible.
  • Facilitar unha oferta de vivenda adecuada ás necesidades reais da poboación galega.
  • Mellorar a calidade das vivendas e da súa contorna.
  • Alcanzar unha oferta de vivendas habitables, suficiente desde o punto de vista cuantitativo, territorial e tipoloxicamente equilibrado e que preste especial atención aos colectivos en situación ou risco de exclusión social.
  • Favorecer a conservación, rehabilitación, reforma ou renovación do parque inmobiliario residencial existente.
  • Mellorar a integración da edificación no medio natural.
O compañeiro Oscar Lómbao, de Vigo, foi o relator da proposta de ILP e do proxecto de modelo de Lei Galega da Vivenda. Documentos que no seu momento difundimos entre as compañeiras e compañeiros, para que a leran, e no seu caso estudaran e fixeran propostas de modificación ou contribucións aos mesmos.

Posteriormente fomos convocados desde a PAH de Vigo - Tui - Baixo Miño, a unha reunión de traballo que tivo lugar o pasado Sábado, 28 de Setembro, en Compostela ás 11:30h, no inicio da rolda de contactos coas diferentes organizacións políticas, sindicais e sociais para recoller apoios e opinións de cara a presentación da ILP Galega, nesta reunión que mantivemos entre represetantes das diferentes PAHs e STOPs da Galiza, con membros de ANOVA, Manu Santos, Xiana López e Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerdas -AGE, no Parlamento Galego, lugar onde tivo lugar a xuntanza de traballo, esta reunión foi a porta pechada e sen publicitación, nin medios de comunicación. Foi unha toma de contacto que se repetirá con outras organizacións, como antes comentábamos.

A reunión celebrou-se como estaba previsto, na que participaron, ademais, das persoas de ANOVA que antes mencionamos, compañeiros e compañeiras de diferentes plataformas: Hector Tejón de Stop-Desafiuzamentos d'A Coruña; Carlota Pérez, Oscar Lombao e Fran Riveiro, da PAH de Vigo - Tui - Baixo Miño; Gonzalo da PAH de Pontevedra; Catarina da PAH do Morrazo; Mariano Ibáñez de Stop-Desafiuzamentos d'O Salnés; Dani Conde e Roberto Pereira de Stop-Desafiuzamentos, Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda e Plataforma pola Banca Pública; e por último estivemos Luís Matalobos e Inácio Martinez pola Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Desculparon a súa non asistencia as compañeiras e compañeiros de Stops-Desafiuzamentos da Barbanza e de Lugo. As compañeiras e compañeiras de Stop-Desafiuzamentos de Compostela decidiron non participar neste grupo de traballo.

Ao noso entender a xuntanza foi moi frutífera, non só pola importancia de coñecer-nos e saber do traballo que se realiza nas diferentes localidades. Senón pola propia explicación que cada persoa deu sobre a importancia da ILP e unha Lei Galega da Vivenda que poña por encima a función social da vivenda sobre a propiedade da mesma. Todas as persoas presentes participaron no debate e desenvolveron a proposta. Expuxo-se-lles á representación política os nosos obxectivos que xa mencionamos con antelación. Conscientes todo o mundo de que na Galiza goberna o Partido Popular -PP, na Xunta de Galicia e que no Parlamento Galego, teñen maioría absoluta. Cousa que non sucede no Parlamento Andaluz, onde acaban de aprobar, o pasado mércores, 25 de Setembro, unha Lei sobre a función social da vivenda en Andalucía coas achegas das PAHs, que contempla a expropiación da cesión de uso de vivenda en casos de desafiuzamentos. Xosé Manuel Beiras, propuxo-nos, unha estratexia que implicaba unha acción ofensiva desde diferentes puntos de intervención e un apoio ás nosas demandas e proposicións. Comprometeu-se ao apoio e ao estudo da ILP e do borrador de Modelo de Lei Galega da Vivenda proposto. Falou, Beiras, de solicitar na iniciativa que o Parlamento Galego asuma a petición da modificación lexislativa da normativa española. Rematada a xuntanza, entre diferentes plataformas intercambia-mo-nos información e contactos. Quedando de ver-nos noutra xuntanza de coordinación que se celebrará proximamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario