mércores, 28 de decembro de 2016




INTERVENCIÓN DO COLECTIVO NA DEPUTACIÓN.

Intervención 01:30h https://livestream.com/accounts/1699699/events/6817682/videos/145519365

TEXTO:

Dende o colectivo Stop-Desafiuzamentos Ourense agradecemos a oportunidade que se nos ofreceu dende o BNG para dar apoio a moción que hoxe presenta esta formación e que recolle propostas básicas para os colectivos que loitamos polo dereito efectivo a una vivenda digna e contra a pobreza enerxética.
Feito este agradecemento queremos remarcar o carácter apartidista do noso colectivo como un dos seus principios básicos.

Comezaremos expoñendo o caso dunha compañeira que estivo preto de ser desafiuzda por un organismo público, o I.G.V.S, que ten a obriga constitucional de velar polo cumprimento do dereito a unha vivenda digna, por ter a Xunta de Galicia a competencia exclusiva nesta materia, no territorio galego. Imaxinemos como pode ser a situación no caso de desafiuzamenos bancarios ou por impago de aluguer cando son as propias administracións as que desafiuzan sen dar opcións.
Meu nome é María José, no ano 1996 merquei una V.P.O Vivenda de Proteción Oficial o Instituto Galego de Vivenda e Solo, en réxime de gananciais, coa miña exparella. Estou legalmente divorciada dende o ano 2005 momento dende o que me teño que facer cargo en solitario dos pagos da hipoteca.
No ano 2000 a miña saúde comezara a deteriorarse chegando a estar intervida cirurxicamente en 10 ocasións, 4 destas intervencións son de espalda e desembocaron nunha discapacidade física dun 66%. Recoñecida no ano 2008 con una asignación dunha pensión non contributiva de 375€. Ante estas circunstancias estiven traballando en períodos discontínuos e tiven que deixar de facer fronte os pagos das cotas hipotecarias, acumulando una débeda de 23.900€.
Consecuencia dos impagos acumulados o IGVS inicia un procedemento de execución hipotecaria co obxectivo de despexarme desta Vivenda de Protección Oficial e tomar posesión da mesma. Teño que incidir no feito que a vivenda era de protección oficial e que sendo o IGVS coñecedor do meu estado de saúde, non se me fixo una oferta que me permitira asumir os pagos das cotas atrasadas. Máis aínda sendo o crédito inicial de 29.900€ e tendo recibos pagados por un importe de 20.000€ o IGVS reclámame, na liquidación do préstamo, 33.000€.
Resulta indignante que un organismo que representa a Xunta de Galicia, que ten competencia exclusiva en materia de vivenda e debe velar polo cumprimento efectivo diste dereito constitucional, teña esta maneira de actuar, máxime cando no mesmo edifico dou fe da existencia de Vivendas de Protección Oficial que se atopan deshabitadas.
Ante a imposibilidade de facer fronte o pago das cantidades reclamadas, coa angustia de verme na rúa ante un inminente despexo, no mes de xuño de 2016 diríxome o colectivo Stop-desafiuzamentos, do cal hoxe formo parte. Logo de estudar o caso presentamos escritos, no IGVS e no Xulgado que coñece diste Proceso, reclamando a suspensión do mesmo mentres non se alcance un acordo de aluguer social co IGVS ou, no seu caso, outra alternativa.
Si á incertidume de verme na rúa en calquera momento non era suficiente sufrimento; o longo diste tempo en varias ocasións vinme cos subminístros de auga e electricidade cortados por non dispor de recursos para poder facer fronte a tempo o pago dos mesmos.
No pouco tempo que levo neste colectivo coñecín casos semellantes, maioritariamente mulleres, algunhas delas vítimas de violencia machista, e familias que logo de acudir os servizos sociais e a organización privadas como Cruz Roxa ou Cáritas nos reenviaban estas mulleres e familias para que nos, que non dispomos de recursos, nin recibimos subvencións, lles arranxaramos un problema de falta de vivenda que debería estar garantido polas administración públicas.
Chegamos a vivir casos tan indignantes como o dunha compañeira, enviada o colectivo por Cruz Roxa, vítima de violencia machista cun menor con autismo, con grao III de dependencia, que subsistía 5 meses sen ningún tipo de axuda. Sendo coñecedor do caso os servizos sociais do Concello de Sancibrao das Viñas onde estaba censada.
Compañeiros con enfermidades graves como é una leucemia que ían a ser despexados por unha entidade financeira como é ABANCA que no seu momento fora rescatada con unha cantidade importante de diñeiro público. Todo acontecía ante a pasividade das diferentes administración.
Dende o ano 2011 pediron axuda o colectivo 98 familias con diferentes situacións, fora con entidades financeiras ou por impago de alugueres, como xa dixen, delas varios casos eran vítimas de violencia machista. O nexo común en todos estes casos era a falta de apios institucionais que estaban máis pendentes de rescatar bancos que de dar apoio e rescatar estas familias. Sentímonos orgullosos de non deixar de lado a ningunha persoa ou familia que nos pedirá axuda.
Debemos recordar que dende o comezo desta situación crítica os suicidios segundo datos do INE son a primeira causa de morte traumática por diante dos accidentes de circulación.
Todo este sufrimento non xurde da casualidade, é o resultado de políticas baseadas na ideoloxía neoliberal que avanza nun capitalismo que promove a ausencia absoluta de controis os mercados e capitais, producindo unha especie de anarco-capitalismo capaz de repartir os beneficios xerados en ciclos especulativos con produtos básicos para unha vida digna como alimentos non perecedoiros, vivenda ou enerxía. Mentres cando os seus cálculos e inversión resultan falidos socializan esas perdas tendo que ser rescatados con diñeiro público, alcanzando desta maneira un xeito de capitalismo perfecto para o inversor e que deixa gravemente mermado o estado de dereito, que entra a ser cómplice e garante do mesmo chegando así o Capital Estado.


Citamos a continuación unha serie de feitos que acreditan esta situación:


No ano 1998 coa reforma da lei do solo feita por José María Aznar comeza un ciclo de especulación inmobiliaria contraria o mandato constitucional do artigo 47 que prohibe a especulación e garante o dereito a unha vivenda digna. Por si alguén quere entender que se trata de dereitos non fundamentais a propia constitución no seu artigo 10.2 determina o xeito de interpretar este articulo e di : “ As normas relativas os dereitos fundamentais e as liberdades que a constitución recoñece interpretaranse de conformidade coa declaración universal de dereitos humanos e os tratados e acordos internacionais sobre a mesma materia ratificados polo Estado Español. Esta especulación non se podería entender sin o altísimo nivel de corrupción no que vive inmerso o Estado Español e que evidencia un Fallo do Estado de Dereito.
No ano 2008 remata este ciclo especulativo alimentado pola emisión de títulos de débeda subordinada e preferentes. Ante imposibilidade do Banco de España de emitir moeda as entidades financeiras acudían a Europa a busca de financiamento. Emitidos dende o 2003, mentres estes produtos foron rendibles vendíanse a clientes preferentes, cando houbo que saír con urxencia destes produtos, no comezo da situación crítica, ante a posibilidade de quedar o capital atrapado, prodúcese unha estafa en masa de persoas de avanzada idade con poucos coñecementos económicos e con capacidade de aforro. A ausencia de responsabilidades políticas e penais observase como outro Síntoma da debilidade do estado de dereito.
O Goberno do partido Popular reacciona rescatando os Bancos responsables desta situación crítica e coa complicidade do PSOE reforma o artigo 135 da Constitución priorizando o pago, con fondos públicos, dunha débeda evidentemente privada, polo tanto ilexítima e sen ningún tipo de auditoría.
No ano 2012 Crease a maior inmobiliaria de Europa a SAREB (Sociedade de Gestión de Activos Procedentes de la Restructuración Bancaria) tamén coñecida como Banco Malo. O obxetivo da mesma e maximizar a súa rendabilidade a 15 anos. Mentres inxectamos diñeiro público a entidades que están dando beneficios estas apalancan os seus activos tóxicos na SAREB a espera de que sexan rendibles impedindo unha regulación e caída natural dos presos da mesma. Chéganse a ver aberracións como que fondos voitres como Black Stone mercan paquetes de vivendas de protección oficial a mentres milleiros de familias son implacablemente desafiuzadas, sen opción, perden a vivenda e quedan con débedas de por vida.
Ante o número desproporcionado de Desafiuzamentos, sen opción, e vendo como se está a rescatar bancos con diñeiro público mentres se abandonan a súa sorte a familias que se van o paro e no poden facer fronte as súas obrigas hipotecarias ou de aluguer. A sociedade reacciona organizada na PAH (Plataforma de Afectados Pola Hipoteca). Levamos o Congreso 1.500.000 sinaturas solicitando a dación en pago e alugueres socias. O rodelo absolutista do Partido Popular esmaga esta iniciativa e trata a PAH de terroristas. Pola contra en Europa a PAH recibe recoñecementos pola súa labor social.
Debemos recordar un dos lemas da PAH e dos colectivos Stop-Desafiuzamentos “Nin xente sen casa nin casas sen xente” pois ben, no ano 2011 no conxunto do estado, segundo datos do INE había 3,5 millóns de vivendas Baleiras, delas 300.000 baleiras en Galiza, 15.ooo na cidade de Ourense.
Obsérvese o feito gravísimo que supón sacar unha lei que persigue a cidadanía, que reacciona a unha gran estafa inmobiliaria, mentres todos os altos executivos de bancos, caixas de aforro, construtoras e políticos corruptos, en cantidades incribles, nun estado de dereito evidentemente falido, campan as súas anchas sen que apenas se persigan de oficio pola Fiscalía e Avogacía do Estado. Parecía máis razoable mudar a lei para evitar que se volva a producir unha situación crítica como a actual no canto de perseguir e intentar calar o pobo.
Nun momento de altísima mobilización social o partido popular no canto de escoitar estas protestas e as demandas sociais que se solicitaban e mediante o dialogo alcanzar solucións razoables para todas as partes. Criminaliza as protestas e crea unha lei que dende a súa proposta foi tachada de antidemocrática pola ONU e Polo Consello de Europa, a Lei 4/2015 do 30 de marzo, coñecida como Lei Mordaza. Neste xeito de actuar antidemocrático e carente de dialogo, xunto co desmesurado número de casos de corrupción que aparecen nesta formación, evidencian que o Partido Popular protexe os que nos trouxeron esta situación crítica e non parece que teña intención de ofrecer solución razoables.
O rescate financeiro deseñado polo Partido Popular a base de transformar a elevadísima débeda privada das grandes construtoras, acredoras da banca, en débeda pública, pasando esta última do 34% do PIB non ano 2011 o actual 100% do PIB no 2016 que nos obriga a pagar 36.000 millóns de € en intereses dunha débeda ilexítima por no ter sido auditada. Rematando no seu mandato con 80.000 millóns de€ do fondo de pensións que o partido popular usou para mercar os propios bonos de débeda pública que se emitían e frear os ataques dos especuladores propios e foráneos evitando enfrontarse politicamente esta especulación. No canto de exercer a soberanía na defensa dos intereses xerais do país que goberna sigue engordando a besta neoliberal alimentándoa con recursos públicos.
Ante a pasividade, mellor dito, ante a complicidade do Goberno central e a Xunta cos responsables da quebra do sistema financeiro e ante a absoluta deixadez e ausencia de apoio as familias que padecen desafiuzamentos e pobreza enerxética. Varias comunidades autónomas promoveron leis por unha vivenda digna e contra a pobreza enerxética todas elas suspendidas polos recursos de inconstitucionalidade do Partido Popular que sigue facendo uso do seu rodelo absolutista no canto de dialogar e chegar a acordos que sexan aceptables e respeten o interese xeral e non solo os os privados.
Non se ven indicacións de que o goberno vaia mudar este xeito de actuar. A recente sentenza do TXUE (Tribuna de Xustiza Europeo) que obriga os bancos a declarar nulas as cláusulas chan e a que as devolucións teñan carácter retroactivo. Todo Indica que o custo dunha decisión privada será trasladada e asumida con recursos públicos. No caso das Caixas de Aforro Galegas valoradas en 75.000 millóns de € en activos no ano 2010, vendida apresuradamente no 2012 por 1000 millóns de €, sen esgotar o prazo que daba o memorando europeo que era de 5 anos.
Previamente saneada con 9000 millóns de € de fondos públicos. No ano 2013 xeraba uns beneficios de 1200 millóns de € que xa irían a a mans privadas. A día de hoxe sen devolver un euro do diñeiro público entregado para o saneamento. Na paxina 5 do prego de condicións de venda, asumido polo Presidente da Xunta Nuñez Feijoo, aceptouse que o FROB asumiría as reclamacións de contratos hipotecarios posteriores o 2008 incluídas as reclamacións por cláusulas chan. Estimase que no caso de ABANCA teremos que pagar con diñeiro público 500millóns de €.
Esta salvaxe especulación e asunción de inversión privadas con diñeiro público non se produciu solo no sector inmobiliario, tamén se se lexislou para favorecela no sector enerxético.
A reforma neoliberal feita por José María Aznar no ano 1997 que eliminou o Marco Legal Estable creado na crise do petróleo da década dos 70 do século pasado. Este marco xurídico consistía nun conxunto de normas destinadas a manter un equilibrio entre as amortizacións das inversión as ganancias e o prezo o consumidor. Con esta reforma comeza a privatización de empresas públicas enerxéticas que eran moi rendibles e nutrían de recursos as arcas públicas.
Dende a privatización do sector enerxético comeza unha subida continuada do prezo da enerxía e avandonándose o concepto de servizo público. Dende o ano 97 chegamos a destinar 90.000millóns, en pagos directos nos recibos, no suposto rescate destas multinacionais enerxéticas, nun suposto déficit tarifario e noutros conceptos totalmente opacos ante a falta de verdadeiras auditorías públicas que aclaren os mesmos.
Mentres nos din que hai un déficit tarifario. No pasado exercicio as tres grandes suministradoras IBERDROLA, GAS NATURAL FENOSA e ENDESA anuncian 56.000 millóns de € de beneficio. Destacando Endesa con 25.000millóns, case a metade do total. Hai que sinalar que cando se privatizou, no mandato de Aznar, pasou a mans de ENEL empresa Italiana con un 50% de capital público. Dedúcese diste feito que máis de 12.000millóns de € desta multinacional van a parar as arcas públicas Italianas mentres nós nos quedamos sen diñeiro para asegurar as pensións.
Todo isto acontece no marco perfecto da colaboración público privada. As chamadas portas xiratorias son determinantes nesta fusión de intereses, onde a cidadanía sempre perde os recursos, sexan económicos ou naturais, que por dereito lle pertencen. Vemos como altos cargos políticos terminan nos Consellos de Administracións destas empresas que eles mesmos privatizaron como é o caso de Felipe González en Gas Natural Fenosa ou José María Aznar en ENDESA.
Galiza e excedentaria nun 40% en produción enerxética que traslada o resto do estado sen obter nin o máis mínimo beneficio da explotanción dos seus recursos naturais. Por todas e coñecida a inmensa cantidade de centrais e minicentrais hidráulicas que están espalladas por todo o territorio galego todas elas amortizadas dende fai anos e con producións sen apenas custos, todo son beneficios privados obtidos da explotación dun recurso natural que é de todas as galegas.
Galiza tamén ocupa un posto destacado na xeración de enerxía eléctrica de orixe eólico. Durante o período do Goberno Bipartito estando a Consellería de industria dirixida polo BNG, isto son datos obxectivos non promoción de partidos. Obrigaba a que os inversores privados que optaran o reparto de megavatios deberían ceder un 10% do beneficio as arcas públicas galegas estamos a falar de 300millóns de€ anuais. A primeira medida tomada polo Presidente da Xunta no seu primeiro mandato foi eliminar este concurso eólico e con el a perda desta porcentaxe que pasaría a mans privadas.
Esta especulación deixa tras de si pobreza enerxética que supón un grave risco para a saúde das persoas. Os principais impactos son insuficiencias respiratorias, complicacións cardíacas,e maior risco de sufrir problemas mentais. Galiza ten elevadas taxas de mortalidade adicional de inverno segundo a asociación de ciencias ambientais (ACA)e o seu informe “Pobreza Vulnerabilidade e Desigualdade Enerxética. Novos enfoques de análise”. As cifras de mortes prematuras asociadas a pobreza enerxética estímanse para Galiza no período 1996-2013 entre 200 e 600 persoas.
Mentres coa especulación enerxética se xeneran esaxerados beneficios, obtidos de forma ilexítima, que logo reparten entre mans privadas; Moitas familias viven na angustia permanente que supón que lles corten os subminístros. Recentemente no barrio do Polvorín en Ourense finaba queimado un ancián e o seu irmán quedaba con queimaduras graves. Outra anciá de Reus finaba queimada polo lume dunhas velas que usaba para alumearse, logo de que Gas Natural Fenosa cortara o subministro eléctrico sen preocuparse da súa situación de precariedade económica.
E por todo iso que se fai imprescindible a paralización dos cortes de luz e subministros a familias con problemas económicos. Queremos poñer fin aos abusos que afectan a un servizo esencial, polo que esiximos ao Goberno que regule unha tarifa alcanzable e unha auténtica tarifa social para familias con baixos niveis de renda. Resulta urxente que o Estado Español respecte os compromisos adquiridos no marco internacional e que garanta o cumprimento do artigo 25 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a observación xeral nº4 do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, segundo a cal un nivel de vida digno require dunha vivenda adecuada con acceso a subministracións básicas como luz, auga e calefacción. Do mesmo xeito necesitamos que se cumpra a lexislación europea sobre subministración eléctrica, que obriga aos Estados membros a protexer aos usuarios vulnerables e a prohibir os cortes de luz en períodos críticos (artigo 3 da Directiva 2009/72/CE, de 13 de xullo de 2009).
O feitos citados pretenden contrastar o sufrimento das familias fronte os abusos dun sistema capitalista en fase neoliberal, promotor da eliminación de toda intervención do estado excepto cando se trata de asumir perdas . De seguir por este camiño de darwinismo económico máis cedo que tarde veremos as gravísimas consecuencias que traerá ó único sistema posible de convivencia racional, a democracia real.
Dicía Albert Camus no seu libro “O home Rebelde” “unha persoa con estreiteces e rebelde con fame é perigosa”
Dende o Colectivo Stop-Desafiuzamentos Ourense pedímoslles que apoien a iniciativa de mínimos presentada hoxe polo Bloque Nacionalista Galego.
Así tamén queremos aproveitar para darlles traslado e convidalos a reflexionar sobre as demandas da Plataforma de Afectados Pola Hipoteca e da Plataforma Contra os cortes de Luz. Pedímoslles que as analicen e se plantexen apoialas de xeito coordinado nos diferentes niveis administrativos ata facelas efectivas.
As 5 demandas de mínimos da PAH:
.-Dación en pago retroactiva
.-Aluguer alcanzable.
.-Stop Desafiuzamentos.
.-Vivenda Social .
.-Subministros garantidos.
As demandas da plataforma contra os cortes de luz:
.-Prohibición legal dos cortes de luz as familias con problemas económicos.
.-Fin os abusos tarifarios.
.-Creación dunha auténtica tarifa social.
.-Recoñecemento e devolución das grandes eléctricas dos 3.500 millóns de euros que cobraron indebidamente en conceptos de custos de Transición á Competencia (CTCs).
.-Auditoría o sistema eléctrico.
.-Aplicación do tipo de IVE superreducido á electricidade, pasando do 21% actual ao 4% por ser considerado un servizo esencial para a cidadanía.



Toda a a carne come o lobo, menos a súa que a lambe !!!
Una muller dando a coñecer a súa situación crítica nun país con recursos suficientes pero cheo de ladróns.

Para algúns dos presentes, a verdade, CONTRASTABLE, é un spich ideolóxico, iso si voto a favor porque os pobres hai que tratalos ben, non se vaia a saber como penso. Para outros sinxelamente ignorala; levan anos enchendo as súas barrigas sen dar pau a auga e vendendo os recursos do seu país o mellor ofertante . Pena dos que "representaban o Socialimo" e se abstiveron ante a POBREZA ENERXÉTICA.Toda unha declaración de intencións...¡ Non é Non !!!! ( e esta xente está en política).

Non nos enganaran ( Jacome vai por vostede) quen di estar favor da xente, honrada que padece os abusos do sistema neoliberal, mentres se mantén na equidistancia e incluso no "silencio cómplice "cando se está ROUBANDO o que é de todas.

Os menos comprenden o que é de sentido común. Gazas por cedernos o voso tempo e grazas por empatizar cos neguen, vos e nos hoxe fomos A SÚA VOZ !

Resumido: Bailade Malditos!

Nos pomos a música e a quen o mereza darémoslle un premio !!

Xa coñecen a Historia, non desafíen o Futuro.




Resultados da moción contra a pobreza enerxética:
A Favor: BNG e D.O.(tensa e inecesaria dialéctica con Jacome)
En Contra: Partido Popular.
Abstencións: Psoe. (increíble esta abstención A GRAN COALICIÓN existe de facto. Votar a favor desta proposta na Deputación non supuña ningún compromiso extremo) ABSTERSE ante a pobreza enerxética !!!!!!!!. A sombra de Felipe González, e o que representa en Gas Natural Fenosa, e moi moi longa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario