O pasado Sábado 28 de Setembro achegáronse a Compostela dúas persoas colaboradoras da plataforma Stop Desafiuzamentos Ourense, para asistir a unha xuntanza de todas as plataformas galegas de STOP-PAH, para a posta en común do traballao realizado e o analise dun futuro inmediato.
A continuación os deixamos a acta de dita reunión, remitida polas compañeiras de Ferrol:
A finais do
mes de Xullo, tiña lugar en Vigo, unha xuntanza de coordinación das PAHs
e Stops galegas, co obxectivo da posta en común das loitas locais
contra os lanzamentos e despexos das vivendas habituais; compartir
información e coñecementos; coordinar as mobilizacións; e entre outras
cousas, desenvolver relacións solidarias e de apoio mutuo. Un dos temas
tratados foi a promoción dunha ILP Galega para a súa tramitación e
aprobación polo Parlamento de Galicia.
As
razóns nas que se fundamentaba a elaboración da proposición de Lei, en
forma de iniciativa lexislativa popular -ILP, serían, en primeiro lugar,
a de contribuír a garantir en Galiza o dereito a dunha vivenda digna e
adecuada; en segundo lugar, a de fomentar a accesibilidade universal a
unha vivenda e implantar as medidas que permitan encher de contido ese
dereito, e en terceiro e último lugar, ademais da paralización de todos
os desafiuzamentos e lanzamentos de vivenda habitual, a proposición Lei
pretendería abordar diversos aspectos do seu réxime legal, e tamén
medidas para favorecer a aplicación efectiva da dación en pagamento e o
impulso dunha Lei galega de Vivenda que favoreza o uso das vivendas
baleiras e deshabitadas.
Ademais
pensa-se que os poderes públicos galegos deberían subordinar calquera
actuación en materia de vivenda aos seguintes criterios:
- Permitir o goce pola cidadanía galega dunha vivenda digna, adecuada e accesible.
- Facilitar unha oferta de vivenda adecuada ás necesidades reais da poboación galega.
- Mellorar a calidade das vivendas e da súa contorna.
- Alcanzar
unha oferta de vivendas habitables, suficiente desde o punto de vista
cuantitativo, territorial e tipoloxicamente equilibrado e que preste
especial atención aos colectivos en situación ou risco de exclusión
social.
- Favorecer a conservación, rehabilitación, reforma ou renovación do parque inmobiliario residencial existente.
- Mellorar a integración da edificación no medio natural.
O
compañeiro Oscar Lómbao, de Vigo, foi o relator da proposta de ILP e do
proxecto de modelo de Lei Galega da Vivenda. Documentos que no seu
momento difundimos entre as compañeiras e compañeiros, para que a leran,
e no seu caso estudaran e fixeran propostas de modificación ou
contribucións aos mesmos.
Posteriormente
fomos convocados desde a PAH de Vigo - Tui - Baixo Miño, a unha reunión
de traballo que tivo lugar o pasado Sábado, 28 de Setembro, en
Compostela ás 11:30h, no inicio da rolda de contactos coas diferentes
organizacións políticas, sindicais e sociais para recoller apoios e
opinións de cara a presentación da ILP Galega, nesta reunión que
mantivemos entre represetantes das diferentes PAHs e STOPs da Galiza,
con membros de ANOVA, Manu Santos, Xiana López e Xosé Manuel Beiras,
portavoz de Alternativa Galega de Esquerdas -AGE, no Parlamento Galego,
lugar onde tivo lugar a xuntanza de traballo, esta reunión foi a porta
pechada e sen publicitación, nin medios de comunicación. Foi unha toma
de contacto que se repetirá con outras organizacións, como antes
comentábamos.
A
reunión celebrou-se como estaba previsto, na que participaron, ademais,
das persoas de ANOVA que antes mencionamos, compañeiros e compañeiras
de diferentes plataformas: Hector Tejón de Stop-Desafiuzamentos d'A
Coruña; Carlota Pérez, Oscar Lombao e Fran Riveiro, da PAH de Vigo - Tui
- Baixo Miño; Gonzalo da PAH de Pontevedra; Catarina da PAH do Morrazo;
Mariano Ibáñez de Stop-Desafiuzamentos d'O Salnés; Dani Conde e Roberto
Pereira de Stop-Desafiuzamentos, Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda e
Plataforma pola Banca Pública; e por último estivemos Luís Matalobos e
Inácio Martinez pola Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Desculparon a
súa non asistencia as compañeiras e compañeiros de Stops-Desafiuzamentos
da Barbanza e de Lugo. As compañeiras e compañeiras de
Stop-Desafiuzamentos de Compostela decidiron non participar neste grupo
de traballo.
Ao
noso entender a xuntanza foi moi frutífera, non só pola importancia de
coñecer-nos e saber do traballo que se realiza nas diferentes
localidades. Senón pola propia explicación que cada persoa deu sobre a
importancia da ILP e unha Lei Galega da Vivenda que poña por encima a
función social da vivenda sobre a propiedade da mesma. Todas as persoas
presentes participaron no debate e desenvolveron a proposta.
Expuxo-se-lles á representación política os nosos obxectivos que xa
mencionamos con antelación. Conscientes todo o mundo de que na Galiza
goberna o Partido Popular -PP, na Xunta de Galicia e que no Parlamento
Galego, teñen maioría absoluta. Cousa que non sucede no Parlamento
Andaluz, onde acaban de aprobar, o pasado mércores, 25 de Setembro, unha
Lei sobre a función social da vivenda en Andalucía coas achegas das
PAHs, que contempla a expropiación da cesión de uso de vivenda en casos
de desafiuzamentos. Xosé Manuel Beiras, propuxo-nos, unha estratexia que
implicaba unha acción ofensiva desde diferentes puntos de intervención e
un apoio ás nosas demandas e proposicións. Comprometeu-se ao apoio e ao
estudo da ILP e do borrador de Modelo de Lei Galega da Vivenda
proposto. Falou, Beiras, de solicitar na iniciativa que o Parlamento
Galego asuma a petición da modificación lexislativa da normativa
española. Rematada a xuntanza, entre diferentes plataformas
intercambia-mo-nos información e contactos. Quedando de ver-nos noutra
xuntanza de coordinación que se celebrará proximamente.