O colectivo stop-desafiuzamentos Ourense únese a concentración que se fará diante da Subdelegación do Goberno o día 8 de outubro en apoio a marcha que se fará en Compostela o día 24 de Outubro.
Facemos un chamamento a cidadanía de Ourense a participar nesta concentración temos que seguir a loitar para conseguir unha vida digna e para rematar coa corrupción que dilapida os recursos públicos de todas para beneficio de uns poucos.
¡ PROCURANDO DIGNIDADE !...CARA O 24 DE OUTUBRO
O xoves 8 de Outubro haberá manifestacións nas cidades e vilas galegas convocadas polas Marchas da Dignidade. En Ourense faremos unha concentración diante da Subdelegación do Goberno .
As Marchas da Dignidade, somos un movimento inclusivo, plural e diverso, convidamos aos diferentes colectivos, organizacións e loitas a participar na concentración e intervir na mesma, coa súa actividade, accións e reivindicacións.
A crise económica acelerou en Europa a imposición da orde neoliberal, baseado na tiranía do poder financeiro, a primacía do diñeiro sobre a soberanía popular, a privatización de servizos públicos e a transformación dos cidadáns en clientes.
A imposición destas políticas na Galiza e no resto do Estado Español, da man do Partido Popular e outros gobernos afíns, xerou pobreza, exclusión, represión e indignación na maioría da poboación. Tamén grandes beneficios para o corrupto poder financeiro.
As Marchas da Dignidade participan na promoción e preparación das Marchas Europeas pola Xustiza e a Dignidade, xunto a numerosas organizacións do continente e baixo 4 reivindicacións básicas acordadas no Encontro Alternativo en marzo: Confrontar as políticas austericidas e de privatización de servizos públicos da Troika; os pobos teñen que ser consultados, acabar cos Paraísos Fiscais na Unión Europea (UE) e deter as negociacións secretas do TTIP entre Estados Unidos e a UE.
As Marchas da Dignidade incorporarán a estes puntos unitarios as súas propias reclamacións de Pan, Traballo, Teito e Dignidade, facendo especial mención á súa demanda de derrogación das reformas laborais e a lei mordaza; a esixencia de prestacións para todas as persoas sen emprego; rematar coa pobreza enerxética; garantir a alimentación e o dereito a unha vivenda digna, á saúde, aos coidados e ao ensino; e combater a violencia machista, a homofobia e a xenofobia. Na Galiza, o dereito de autodeterminación dos pobos, o dereito a decidir, forma parte das reivindicacións do Manifesto constituínte.
Entre o 1 e o 15 de outubro, estas Marchas xa comezaron a percorrer Europa con itinerarios converxentes, que tocando todos os paraísos fiscais da UE, realizando actos nas cidades do percorrido, para finalmente chegar o 15 de Outubro a Bruxelas, o mesmo día que se iniciará un Cume da Unión Europea. Coa chegada da Marcha, ese mesmo día, apoiando a iniciativa dos movementos belgas, farase un cerco simbólico do Cume oficial, para a continuación abrir un Cume Social Europeo, cunha Conferencia sobre a Débeda e un debate sobre Políticas de “Austeridade” e Pobreza na UE que culminará o sábado 17 de outubro cunha gran manifestación europea no Día Mundial contra a Pobreza. O mesmo 16 de outubro instalarase en Bruxelas un campamento contra o TTIP (Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos).
Ourense tamén quere recuperar a dignidade rematar coa corrupción institucional e conseguir que os esforzos económicos da maioría se vexan reflexados nos máis débiles. Definitivamente que os nosos impostos vaian a rescatar familias e vidas non a rescatar a políticos corruptos e a entidades financeiras cómplices.
¡ Fora a Troika ! ¡ Fora Rajoi ! ¡ fora o capitalismo neoliberal, corrupto e patriarcal !
¡ Auditoría das débedas públicas, pan, traballo e teito !
Ningún comentario:
Publicar un comentario