venres, 5 de decembro de 2014



IMAXES :

https://www.facebook.com/photo.php?fbid=10205412589893605&set=pcb.10205412596373767&type=1&theater

CONCENTRACIÓNS NAS 4 SUBDELEGACIÓNS DO GOBERNO CONTRA A CRIMINALIZACIÓN DOS MOVEMENTOS SOCIAIS E A REPRESIÓN.

Cada vez somos máis as persoas que exercitamos o dereito á desobediencia civil contra as actuacións inxustas que ameazan todos os anos a miles de persoas con expulsalas pola forza da súa vivenda e botalas á rúa sen oferecerlle ningunha alternativa habitacional, infrinxindo así claramente ó dereito de todas as persoas a unha vivenda digna, tal como ten recoñecido xa repetidamente o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Cando as institucións vulneran o dereito a unha vivenda digna (como ten pasado, entre outros, nos casos de Aurelia Rey, Elisabet Salnes, ou a familia de Arins, ou a de Elviña) nós vémonos obrigadas a procurar defendelo impedindo coa nosa resistencia pacífica a actuación inxusta das comisións xudiciais e forzas policiais. Ante o cal o goberno está respondendo dun xeito represivo, practicando detencións arbitrarias, poñendo multas, golpeando inxustificadamente a persoas que resisten pacificamente e tratando de meter medo para impoñer pola forza o que non é capaz de resolver co diálogo e o respecto obrigado dos dereitos das persoas.

Pero para que haxa unha democracia de verdade hai que escoitar á xente, por que o pobo é quen máis ordea.

E para dicirlle ao goberno que non nos faran calar coa súa represión, que a cidadanía organizada non temos medo, que sabemos o poder que temos cando actuamos unidos, e que reafirmámonos en que continuaremos desobedecendo as leis inxustas en defensa dos dereitos humanos sempre que sexa necesario, facemos un chamamento a toda a cidadanía para concentrarnos o próximo xoves 18 de decembro diante das catro Subdelegacións do Goberno, onde daremos lectura ao manifesto que acompañamos.

Galiza, a 1 de decembro de 2014.

Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca e Colectivos Stop Desafiuzamentos de Galiza.








                                        NÓS NON TEMOS MEDO

                      MANIFESTO CONTRA A CRIMINALIZACIÓN DOS

                          MOVEMENTOS SOCIAIS E A REPRESIÓN.

Movemento, de moverse. De non parar. De poñer a cada pouco un obxectivo máis alto que construír entre todas e todos. Soñamos alto porque temos a convicción absoluta de que imos ser libres. Isto chámase transformación social e, ollo, hai xente detrás. A cada pouco máis xente. A cada pouco máis mans a aprenderen un vello oficio: o oficio de mudalo todo.

A cada pouco máis voces. Esta é a nosa voz: unha voz múltiple, plural, aprendida paso a paso, con dificultade. Unha voz na defensa da vivenda. A vivenda é un ben básico, un dereito, dicimos, que ten que ser recoñecido de maneira universal. Co teito non se negocia. A casa non se expropia. A vivenda non se usurpa. A usura e os dereitos son dúas realidades tan irreconciliables coma o rato e o gato. Os dereitos son a nosa voz.

Eles son eles. Eles son a usura. A rapina organizada. Eles teñen a súa morea de normas que non dubidan en transgredir. Tanto lles ten, que se os dereitos humanos..., que se as resolucións do TSXE..., que se as Valedurías do Pobo..., que se a miseria popularizada ou a dramática situación de pobreza extrema de milleiros de familias... Nada disto lles importa. Só o seu Deus universal, o diñeiro.

Eles son eles. Teñen a súa morea de gobernos deseñados á medida, que fan leis para si, que adoptan acordos que nunca respectarán. Adictos á fotografía oficial, á inauguración, ao banquete febril. Adictos á especulación urbanística e financeira, á desvergoña, ao suborno, á prevariación. Cada un dos seus gobernos é un grande teatro no que agardan os nosos aplausos unha vez que se pecha o telón.

Eles son eles, e teñen o seus xuíces e xuízas. Teñen un aparello mecánico enorme chamado de "Xustiza" ao servizo de si mesmos e, por suposto, da súa venerable deidade. Teñen un exército de autómatas asinando resolucións. Estampando o seu selo nunha orde de lanzamento coas mesmas dificultades éticas coas que se decide nunhas rebaixas entre este ou aqueloutro pantalón. Teñen un corpo funcionarial que "funciona coma un reloxo", e que diante da traxedia dunha muller, un home, unha nena desafiuzada, se excusa coa formidable frase de "é o meu traballo". Un viva pola súa integridade ética e a súa inegabe achega ao "interese xeral".

Eles son eles, e teñen a súa Policía Nacional. Teñen a súa forza de choque porque nos teñen pánico e seguen a pensar que quen treme de medo somos nós. Porque eles cren que as detencións, as malleiras, as identificacións arbitrarias, as malleiras outra vez, as multas desproporcionadas, as malleiras máis unha vez, van deter a marcha da historia. Pero a historia non se detén. Eles teñen medo, por iso se parapetan detrás de exércitos monolíticos, detrás das súas reformas penais, detrás das súas Leis de Patada na Porta e Patada na Boca malchamadas de Seguridade Cidadá. Así son eles, e a violencia contra a maioría social é o seu método, cren, máis eficaz. Así de patético é o triste drama da súa inminente derrota, da súa descomposición.
 

Criminalízannos. Píntannos cornos e orellas picudas. Ás veces rabo. Pechan os nosos locais. Rexistran as nosas sedes. Irrompen nas nosas manifestacións. Interveñen as nosas comunicacións. Trafican con millonarias sumas novas e informacións que non son tal. Crean un relato impresionante no que eles, miseria e covardía, se apresentan como os heroes dunha democracia que nunca deixaron nacer. Pero ese conto, esa bonita literatura requintada coa que durante tantos anos empreñaron os nosos ouvidos, xa ninguén a cre.

Aquí estamos nós. Sufrimos e sen embargo, sabemos bailar. Golpéannos e empúrrannos pero sempre hai unha man coa que se levantar. Expúlsannos das nosas vivendas pero sabemos defendernos cos nosos propios corpos e a cada vez somos máis persoas as que permanecemos en pé. Recórtannos e anúlannos pero é tan forte a nosa voz que nin o seu ruído mediático a consegue apagar. Agréndennos pero é tan firme a nosa convicción do noso lexítimo dereito a resistir que volvemos a camiñar. Sepárannos pero non hai pegamento mellor do que a nosa atracción pola comunidade e o ben colectivo. Pola transformación.

Ollade para nós. Nós non temos medo. Mirádenos de frente. Estes son os nosos rostros. Velaquí vedes e sentides a nosa felicidade. Esta é a nosa felicidade a pesares de. A pesares da vosa desvergoña, a pesares de que nos roubedes unha e outra vez, a pesares de quen nos malledes, a pesares de que nos silenciedes. Esta é a nosa felicidade, a felicidade da xente que construímos a unha coa outra, custe o que vos custe, un mundo mellor.

Imos despacio porque imos lonxe. Nos nosos pasos non hai terror. Somos quen. Confiamos nas nosas propias forzas. Poderedes arrincar as flores pero non poderedes deter a primavera. Esta é a nosa decisión e o noso camiño e non hai cancela ou valo que o vaia parar.

Galiza, a 1 de decembro do 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario